_20230808134135_jpg.jpg)
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de rematar un proceso de humanización de espazos na unidade de Partos do Hospital Provincial de Pontevedra, dotando de nova sinaléctica e ambientación cromática áreas coma o control desta unidade, a súa sala de espera, os accesos á area de dilatación e a sala de coordinación de supervisión de partos. Así mesmo, dita humanización contempla a vindeira incorporación na unidade de novo equipamento mobiliario de biombos deseñados específicamente para estes espazos, así coma a dotación dun xenerador auxiliar de enerxía.
Con estas melloras, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés busca potenciar o seu modelo de asistencia ao parto, no que resulta clave que os espazos se convirtan en máis amables e axeitados para a prestación de coidados centrados no alumeamento dos bebés. A implicación do persoal da unidade de partos pontevedresa foi crucial neste proceso, quen avogou pola oportunidade de humanizar a área de obstetricia para potenciar a atención con máis calidade, adecuando os espazos existentes ás novas prácticas, centradas na muller e o seu bebé, sen esquecer a funcionalidade, a seguridade e a beleza da contorna.
Os profesionais desta unidade son conscientes da relevancia dos espazos para asistir os nacementos, polo que esta humanización da área obstétrica do Hospital Provincial facilita tanto aos profesionais como ás nais aqueles elementos que contribúan a que se atopen máis relaxadas e confortables. Estes ingredientes principais son a privacidade, a intimidade e a seguridade.
Impacto significativo na recuperación dos pacientes
A arquitectura dos centros sanitarios públicos de Pontevedra e O Salnés ten un impacto significativo na recuperación dos pacientes. Unha contorna física agradable e acolledora -con espazos luminosos, cores suaves, materiais naturais e unha distribución axeitada- contribúe significativamente á reducción dos niveis de estrés e ansiedade, o que favorece unha recuperación máis rápida e satisfactoria. Pero, ademais, un deseño arquitectónico axeitado pode mellorar a eficiencia e o fluxo de traballo dos profesionais da saúde.
Ditas evidencias referendan a consideración da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés de que estas iniciativas de humanización dos espazos, reorientan a convivencia e priman en todo momento o respecto e a dignidade da persoa, así como a súa intimidade.
Humanización complementaria a do pasado verán
Esta humanización complementa as obras de renovación de equipamento e instalacións da unidade de Partos da área de Obstetricia do Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra efectuadas pola Área Sanitaria durante o pasado verán do ano 2022, que melloraron os aseos, o chan da zona de dilatación, procederon á instalación de aire acondicionado e a substitución dunha lámpara do quirófano da Unidade por unha nova de última xeneración, que axuda a prestar unha atención sanitaria aos partos cun maior grao de claridade e nitidez.







