
A Xunta avanzou hoxe que as obras do Centro Integral de Saúde de Lalín, ao 50% de execución, estarán finalizadas a comezos de verán cun investimento que supera os 10 millóns de euros.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, supervisaron hoxe a marcha das obras desta infraestrutura sanitaria, que é clave para Lalín e para toda a comarca de Deza. No percorrido pola obra estiveron tamén o alcalde de Lalín, José Crespo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e O Barbanza, Eloína Núñez.
A conselleira sinalou que o CIS de Lalín, ao igual que outras obras, especialmente de edificación, pasou por momentos complicados derivados da tensión da crise de subministros e do incremento de prezos. Con todo, lembrou, a coa colaboración e entendemento da empresa adxudicataria, superáronse os atrancos en días e retomáronse os traballos en cuestión de semanas.
Ethel Vázquez, destacou que, logo da visita anterior, feita hai case un ano, pode constatarse, o avance “espectacular” das obras, que permiten ver a transformación da parcela coa edificación completa xa en pé e cos traballos nas fachadas moi adiantados, ademais de no seu interior.
Precisou que agora mesmo están traballando en obra arredor de 30 operarios, o que permite avanzar con ritmo. A Xunta está a axilizar todo o posible a posta á disposición dos veciños de Lalín e da comarca de Deza este novo equipamento sanitario de vangarda.
Sobre as obras, a conselleira explicou que, no exterior, están a finalizarse os traballos de colocación da carpintería de muro cortina nos patios; no resto de fachadas, están colocadas as carpinterías de xanelas de aluminio e tamén avanzados os traballos de acristalamento, tanto na zona de patios como das fachadas posteriores. Na cuberta, remataron xa os traballos de impermeabilización.
Concretou que, no interior do edificio, a albanelería está tamén practicamente rematada. Agora mesmo, estase cos alicatados, solados e impermeabilización de zonas húmidas. Os trazados de instalacións están avanzados no que respecta a climatización e ventilación, tamén fontanería e protección contra incendios.
Detallou, ademais, que se está empezando a cablear a instalación eléctrica e de voz e de datos, polo que avanzou que, en poucos días, poderase iniciar xa á colocación de falsos teitos e carpinterías interiores.
A titular de Infraestruturas da Xunta destacou a importancia de que os traballos rolden o 50% de execución, tendo en conta que o arranque dunha obra de edificación é sempre o máis complicado e o que máis tempo leva: movemento de terras, cimentacións ou levantar a estrutura.
A este respecto, incidiu no obxectivo da Xunta de ter rematada o máis axiña posible a obra de edificación do Centro Integral de Saúde de Lalín-comarca de Deza a comezos do verán, cun investimento da Xunta que superará finalmente os 10 millóns de euros.
A actuación está financiada no marco dos fondos europeos REACT-EU.
Deseño funcional adaptado ás necesidades asistenciais
Segundo resaltou a conselleira, o CIS Lalín, que estará distribuído en 4 andares a distinta cota, dos cales 3 se destinarán a centro de saúde e outro ao PAC, é un edificio cun deseño funcional, adaptado ás necesidades asistenciais, e disporá de dous patios interiores a modo de claustro onde desembocan as zonas de espera e de circulación.
No seu conxunto o novo centro de saúde disporá de 5.500 m² de superficie construída nesta parcela do Alto de Vales de máis de 15.000 m², a carón da nacional que comunica Lalín co municipio veciño de Dozón e con Ourense, e tamén con Santiago.
O Concello de Lalín encárgase de urbanizar a parcela, na que se disporán tamén os aparcadoiros, para persoal e pacientes, actuacións nas que segundo apuntou a conselleira está a traballar a entidade local.
En definitiva, unha actuación estratéxica na que tal e como destacou Ethel Vázquez, traballan da man Xunta e Concello para que máis de 35.000 veciños de Lalín e da comarca se beneficien desde Centro Integral de Saúde, un dos primeiros que o Goberno galego constrúe en toda Galicia, despois do CIS no Barrio da Residencia de Lugo.
Gran salto adiante na atención aos pacientes a na dotación tecnolóxica
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade incidiu que este CIS Lalín é un paso máis na reforma integral da atención primaria que está emprendendo a Xunta e que ten como finalidade fortalecer este nivel asistencial e darlle maior capacidade resolutiva. Coa posta en marcha do CIS de Lalín garántese unha mellora substancial da atención sanitaria no Deza. Así, disporá dunha maior dotación de medios diagnósticos e terapéuticos e permitirá a resolución dos procesos en consulta única e sen derivación a outros centros. O que pretende a Xunta no ámbito sanitario desta comarca é primeiro gañar en funcionalidade e en atención ao paciente; segundo: incorporar á carteira de servizos programas novos e específicos; e, terceiro, gañar tamén en integración, grazas ao uso da tecnoloxía.
Este CIS incluirá unha área específica de telemedicina. Ademais, o CIS non só ampliará as áreas de atención de adultos, de pediatría ou de PAC, senón que mellorará especialmente os espazos da área de especialidades, con catro consultas de medicina, dúas consultas de enfermaría e tres gabinetes de exploracións; da área de rehabilitación, con dúas consultas de fisioterapia, 6 cabinas, un ximnasio e unha sala de rehabilitación cardíaca; da área de saúde mental, con cinco consultas; ou da área de hemodiálise, cunha consulta e 12 postos.
Todas estes novos espazos van dirixidos a posibilitar que se engadan máis programas á carteira de servizos. Non só ampliaremos o programa de cirurxía menor ambulatoria, senón que se engaden como novidades: o programa de rehabilitación do solo pélvico; o programa de enfermidades músculo-esqueléticas; e o programa de rehabilitación cardíaca, coordinado polo Servizo de Cardioloxía do CHUS, consolidando así a asistencia integrada entre primaria e hospitalaria. Completando a dotación de servizos do centro os programas de radiodiagnóstico e ecografía; hospitalización a domicilio; e o que será o centro integral de hemodiálise da comarca do Deza.
Segundo indicou tamén Julio García Comesaña, máis alá do importe necesario para rematar a obra, os orzamentos da Xunta de 2023 consignan máis de 800.000 euros para adquirir o equipamento, o mobiliario e o material informático que se licitará de inmediato.







