A Xunta de Galicia conmemorou hoxe o Día Internacional da Lingua Materna coa celebración do II Encontro 21 días co galego e +, unha xuntanza lúdica e didáctica que reuniu no Monte Gaiás preto de 600 participantes da VI edición do programa de dinamización lingüística homónimo para intercambiar experiencias, música e xogos ao longo da xornada.
Durante o acto, presentado polo músico Pakolas, o titular en funcións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para agradecerlles a todas as persoas participantes desta edición do 21 día co galego e + “o éxito desta iniciativa coa que, entrega tras entrega, queremos seguir axudando a que a nosa lingua sexa un elemento máis do día a día da rapazada para que esta leve o galego o máis lonxe posible”. “De aí a importancia dunha efeméride como a que conmemoramos hoxe”, declarou.
Ademais, o representante autonómico en funcións, salientou que o mellor xeito de manter viva a lingua xeración tras xeración “é empregándoa desde a infancia, e o sistema educativo garante que os cativos teñan destrezas e competencias nas dúas linguas, que debemos usar en absoluta liberdade”. Román Rodríguez tamén aproveitou para recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma de España “na que temos un maior coñecemento da nosa lingua propia”.
Encontro arredor da lingua galegaAo longo da xornada, na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado, o profesorado e os coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega pertencentes aos 10 centros escolares participantes nesta edición gozaron da música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para o encontro.
Neste curso 2023/2024, que tivo como principal novidade a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes, o programa desenvolveuse nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.
Número 37 na listaxe de linguas máis faladasO Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Este 2024, baixo o lema Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional, esta efeméride pretende visibilizar o feito de que a educación na lingua materna apoia a aprendizaxe, a alfabetización e a adquisición de idiomas adicionais.
A Xunta de Galicia conmemora esta data desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega. Na actualidade, o galego ocupa o número 37 na listaxe de linguas máis faladas do mundo, no que existen máis de 6.000 idiomas diferentes. Ademais, a lingua galega está máis estendida e conta con máis recursos ca nunca na súa historia grazas á súa adaptación á realidade social e tecnolóxica do momento, algo no que o Goberno galego traballa impulsando iniciativas como o Proxecto Nós, que introduce de cheo a lingua propia de Galicia no mundo dixital e na Intelixencia Artificial.







