
O Goberno galego vén de instalar no HULA un dos sete TAC de tecnoloxía espectral destinados a cada unha das sete áreas sanitarias galegas. Deste xeito, dá conta do seu compromiso por dotalas da máis alta tecnoloxía.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou nesta semana xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o equipo directivo da área sanitaria as instalacións onde se atopa o equipo e ao persoal que traballará con el. Tamén o Complexo Universitario de Santiago de Compostela instalou xa o seu equipo e está iniciando a formación dos profesionais no seu uso e a aplicación nos primeiros pacientes, mentres que as restantes áreas sanitarias farán o propio ao longo deste ano 2023.
A mellora que supón a tecnoloxía espectral permite ofrecer diagnósticos con maior confianza e cunha redución da dose do 50 % sen perder calidade de imaxe. Esta tecnoloxía achéganos información sobre a caracterización tisular, a mellora do contraste entre os tecidos e a resolución, de forma que permite a detección de lesións mais pequenas, de grande importancia no seguimento oncolóxico e no diagnóstico de patoloxía cardíaca.
O valor polo que se adquiriron estes sete equipos supera os 8,2 millóns de euros e a súa adquisición formou parte do proceso de renovación de tecnoloxía sanitaria que o goberno galego realizou en 2022 canalizando fondos europeos Next Generation. A Xunta decidiu complementar os fondos europeos recibidos con 4,8 millóns de fondos propios (case un 60% do importe de adxudicación) para poder acceder a estes sete equipos de gama tecnolóxica superior e instalalos en todas as áreas sanitarias galegas.
Renovación tecnolóxica no HULA
En particular, o equipo TAC con tecnoloxía espectral do HULA foi adquirido por un importe de 968.888 € á empresa Siemens Healthcare e forma parte do conxunto de 7 novos equipos de alta tecnoloxía.
Nomeadamente, no eido das renovacións, ademais deste TAC o Executivo galego adquiriu unha nova gammacámara e outros dous novos TAC para o HULA. No campo da tecnoloxía que se incorpora ao hospital por primeira vez, esta semana recibiuse o primeiro equipo de braquiterapia que terá o hospital lucense, tras un investimento de preto de 500.000 euros.
Ao longo deste ano tamén se dotará a área sanitaria de Lugo do seu primeiro equipo PET-TC, que posibilita a realización de probas de diagnóstico por imaxe máis precisas e que evitará desprazamentos a outras áreas sanitarias. Supón un investimento de 2,3 millóns: 1,3 millóns de fondos europeos para adquirir o equipo e 1 millón de euros de fondos autonómicos para financiar a obra de instalación no servizo de medicina nuclear que comezou esta mesma semana.
Así mesmo, adquiriuse para este hospital un novo equipo de radioloxía neurovascular intervencionista por máis de 1,2 millóns de euros, que representa unha novidade para o HULA e que permitirá tratar na provincia patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios, como a realización de trombectomías na fase aguda do ictus.
Proceso de adquisición de novos equipos de alta tecnoloxía
Ademais das novas incorporacións, Galicia está a renovar o 100 % dos equipos de alta tecnoloxía que teñen unha antigüidade superior aos 12 anos, e no caso dos aceleradores lineais e dos TAC, faise aos 10 anos.
Este investimento englóbase dentro dos contratos de adquisición de nova tecnoloxía sanitaria adxudicados ao longo de 2022 polo Goberno galego por valor de máis de 67 millóns de euros, destinados a canalizar os fondos europeos Next Generation, de cara á renovación do equipamento hospitalario. A estas adquisicións vencéllase a instalación dos 34 novos equipos de tomografía axial computerizada (TAC) por máis de 21 millóns de euros para a totalidade dos hospitais da rede sanitaria pública galega, entre os que se atopan estes sete con tecnoloxía espectral.







