​O Consello da Xunta foi informado esta mañá, con carácter previo ao ditame que deberá emitir o Consello Consultivo, da tramitación do proxecto de decreto polo que se establecen os procedementos e os controis para a subministración de medicamentos de uso humano de uso exclusivamente hospitalario a profesionais da veterinaria.

Desta forma, a Consellería de Sanidade establece o regulamento polo que se permite o subministro de medicamentos de uso humano de uso exclusivamente hospitalario a profesionais veterinarios nos supostos de prescrición excepcional. Entenderase por subministración o acto a través do cal unha oficina de farmacia entrega un medicamento a un profesional veterinario, tras a prescrición excepcional por parte do profesional por baleiro terapéutico específico para animais. Polo tanto, o uso destes medicamentos quedará estritamente reservado ao acto clínico veterinario, o cal deberá realizarse, en todo caso, dentro dunha clínica ou hospital veterinario e o medicamento deberá administrarse ao animal directamente por persoal da veterinaria titulado.

Tras a administración dos medicamentos, a persoa veterinaria responsable deberá rexistrar os datos do animal ao que lle foron administrados (especie e identificación individual), a identificación da receita (número de receita, nome e número de colexiado do veterinario que a expediu) e os datos da persoa propietaria do animal (nome, apelidos e dirección), así como a cantidade de medicamento empregado.

Para garantir a seguridade, e uso de medicamentos suxeitos a controis especiais (antineoplásicos e inmunomoduladores), regúlase o manexo e eliminación de residuos destes medicamentos por parte dos hospitais ou clínicas veterinarias. Para a subministración destes medicamentos, será necesario dispoñer de autorización previa que contará co informe da xefatura territorial da Consellería competente en materia de protección e benestar de animais de compañía da provincia na que se atope situado o centro veterinario.

Así, a Xunta dá resposta a unha necesidade do sector veterinario e garante que as persoas con animais de compañía ou doutro tipo dispoñan dos tratamentos necesarios para os seus animais.