
“A Xunta de Galicia destinará preto de 40 millóns de euros ao Programa galego de vacinación, o que supón máis do dobre do que se destinaba ao inicio desta lexislatura”. Así o sinalou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na inauguración da II Xornada galega de saúde pública: liderando o coñecemento cara a un futuro máis saudable. Neste acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo.
O titular da carteira sanitaria reiterou o compromiso da Consellería de Sanidade co avance da saúde pública e cos eixos prioritarios que está a aplicar, entre os que citou a calidade como medio de excelencia en todas as súas actividades; a capacitación do persoal; a comunicación e a transparencia; e, sobre todo, a transformación dixital por medio da mellora dos sistemas de información e da dixitalización de procesos, ademais da integración das novas tecnoloxías. Tamén subliñou o conselleiro o uso de algoritmos de intelixencia artificial para a optimización de programas de prevención.
Xunto ao anterior, Comesaña remarcou, así mesmo, o avance no eido da promoción da saúde, con programas tan punteiros como Obesidade Zero e Inspira Saúde. Así mesmo, está previsto publicar en Galicia unha lei de prevención de adicións, que inclúe a regulación das bebidas enerxéticas.
No apartado da prevención, o titular da carteira sanitaria dixo que o seu departamento segue a mellorar os programas de detección de enfermidades con novas metabolopatías, o aumento de idade no cribado de cancro de mama, o cribado etario oportunista de hepatite C ou a detección do VIH nos servizos de urxencias.
Liña prioritaria
Na súa intervención no acto, Comesaña amosouse especialmente orgulloso do Calendario de Inmunización para toda a vida, do que dixo “que destaca a nivel nacional tanto por ser dos máis completos como polas coberturas acadadas”.
O conselleiro dixo que a saúde pública atópase nun momento de alta visibilidade froito do bo traballo de todo o equipo da Dirección Xeral de Saúde Pública, así como das xefaturas territoriais da Consellería de Sanidade, por iso expresou o seu agradecemento “a todos os que participan nos programas que se están a implantar en Galicia neste eido”.
Para rematar a súa intervención, Comesaña incidiu que a Xunta seguirá a traballar co obxectivo de ofrecer a todos os recursos necesarios para protexer a saúde da cidadanía galega. Deste xeito, “a saúde pública é unha liña prioritaria e así seguirá a ser”.







