O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, presentou esta mañá no Hospital Lucus Augusti de Lugo, o novo equipo de braquiterapia co que a Xunta reforzará ás prestacións asistenciais dos pacientes lucenses que sufran patoloxías oncolóxicas.

Con esta nova tecnoloxía, á que o Executivo galego destinou un total de 500.000 euros, a Xunta amplía a carteira de servizos do Complexo Hospitalario de Lugo e, ademais, a continúa coa súa estratexia de ampliar e renovar o equipamento dos centros sanitarios da rede pública galega.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; o xerente da area sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; o director asistencial, Rafael Monte; e o xefe de Servizo de Oncoloxía, Sergio Vázquez; o titular de Sanidade salientou que “contar con este novo equipamento contribuirá a salvar moitas máis vidas, e a mellorar a calidade de vida de moitas máis persoas”.

“Contamos con excelentes profesionais na nosa rede hospitalaria pública e dotalos coa mellor tecnoloxía posibilitará que a nosa Sanidade siga sendo unha referencia a nivel mundial”, destacou o conselleiro. 

Pola súa banda, o xefe de Oncoloxía do HULA, Sergio Vázquez, precisou que con este novo equipamento aplicarase radiación, de xeito local, no órgano onde está o tumor. Así, destacou o importante avance que suporá esta tecnoloxía para o tratamento dos tumores xinecolóxicos, de pel ou de próstata. “Este equipo permitirá reducir dun xeito significativo o número de sesións necesarias para tratar este tipo de cancros e, ademais, evitará desprazamentos a outros hospitais”. 

Novo equipamento e ampliación de servizos na área de Lugo

Mediante os fondos de recuperación REACT, os NextGeneration-UE, e as achegas económicas realizadas a través dos orzamentos autonómicos; a Xunta está a  modernizar os equipos do conxunto de hospitais galegos. Así, por unha banda, segue a renovar o equipamento dos tres grandes complexos hospitalarios da comunidade (A Coruña, Vigo e Santiago) e, pola outra, continúa a ampliar as carteiras de servizos do conxunto de centros do Servizo Galego de Saúde.

No caso concreto da área sanitaria de Lugo, a Xunta destinou no último exercicio máis de 6 millóns de euros, na adquisición de 7 novos equipos de alta tecnoloxía. 

Nomeadamente, no eido das renovacións, o Executivo galego adquiriu unha nova gammacámara e tres novos TAC para o HULA -un deles dotado con tecnoloxía espectral, e que posibilita unha maior precisión e menores doses de radiación-. 

Ademais, e co obxectivo de ampliar os servizos asistencias, xunto co equipo de braquiterapia presentado esta mañá, a Xunta dotou á área sanitaria de Lugo do seu primeiro equipo PET-TC, valorado en 1,3 millóns,  e que permitirá a realización de probas de diagnóstico por imaxe máis precisas, ademais de evitar desprazamentos a outras áreas sanitarias. 

Xunto con isto, tamén se incorporará un novo equipo de radioloxía neurovascular intervencionista, -valorado en 1,2 millóns de euros-, e que representará unha novidade para o HULA, ao permitir tratar na provincia patoloxías que ata o momento se derivaban a outros centros sanitarios, como é o caso das trombectomías na fase aguda do ictus.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade avanzou o inicio das obras por 1,8 millóns para poder levar a cabo a instalación de parte destes novos equipos, como é o caso do novo PET, ou da nova sala de Neurorradioloxía.

García Comesaña salientou que os fondos REACT permitiron financiar a renovación de equipamento sanitario nos orzamentos dos anos 2021 e 2022, incluíndose nesta partida importantes adquisicións, como a dos sete sistemas cirúrxicos robotizados Da Vinci, con destino aos sete principais hospitais de Galicia.

Así, a súa canalización contribuíu á modernización dos equipos de anestesia e os ecógrafos dos servizos de urxencias e radiodiagnóstico do Sergas, destacando que arestora o o HULA conta agora con 18 novos sistemas de anestesia e 5 novos ecógrafos.