O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Hospital de Monforte, con motivo da posta en marcha do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica, que se puido reformar ao trasladar provisionalmente a actividade do laboratorio ao espazo que deixou libre o antigo hospital de día. No acto, o titular da carteira sanitaria tamén deu a coñecer outra das melloras que se vai levar a cabo neste hospital, a nova área de laboratorio de microbioloxía, que se fará nun espazo contiguo, “e da que xa está encargado o proxecto para poder executar as obras neste mesmo ano”.

Segundo remarcou o conselleiro no acto, ao que tamén asistiu o delegado da Xunta, Javier Arias Fouz; o xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares; e o director asistencial, Rafael Monte, estas melloras, “son actuacións previas ao principal compromiso que o departamento sanitario galego ten con Monforte, que é a licitación, neste ano, do Plan Director que vai definir as actuacións para modernizar as áreas de hospitalización, consultas externas e os espazos administrativos”. 

“Este é un hospital que dá cada vez máis servizos á cidadanía”, -proseguiu o conselleiro-. Así, as melloras levadas a cabo, tales como a ampliación do hospital de día e a farmacia, conleva que este centro da rede do Sergas realice agora tratamentos de quimioterapia que antes tiñan que facerse en Lugo. Deste modo, “máis de 2.700 pacientes de Monforte puideron recibir o seu tratamento neste hospital, evitando 18.000 desprazamentos”.

Os hospitais comarcais, peza clave

O Hospital de Monforte segue a mellorar espazos e equipos, -subliñou Comesaña-, “un obxectivo que temos nos sete hospitais comarcais galegos”. Todos eles teñen agora mesmo en marcha procesos de ampliación e mellora, “porque este goberno cre no seu papel”. Grazas aos hospitais comarcais, o 85% da poboación galega atópase a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia.

“A Xunta fai o que está na súa man para manter en plena forma estes centros”. Así, respecto do problema de cobertura de profesionais, o conselleiro dixo que, dende 2019, o tempo de servizo nun hospital comarcal proporciona unha puntuación extra nos  baremos das ofertas públicas de emprego ou listas de contratación. Ademais, dende 2021, a prestación de servizos en hospitais como o de Monforte outorga puntos adicionais aos profesionais para obter un grao máis avanzado da carreira profesional. É dicir, “prestar servizos nestes centros facilita tamén obter melloras salariais aos profesionais sanitarios”. Grazas a estas medidas, -remarcou Comesaña-, na última oferta pública de emprego executada polo Sergas, “unha vintena de facultativos que aprobaron esas oposicións escolleron o Hospital de Monforte como destino da súa praza”.

Xunto ao anterior, grazas a unha lei impulsada pola Xunta, “imos poder ofertar prazas en propiedade por concurso de méritos nas especialidades médicas que sexan deficitarias nos hospitais comarcais”. “Nas vindeiras semanas aprobaremos os decretos de oferta pública de emprego por concurso de méritos para especialistas nos hospitais comarcais”.

Trátase, en definitiva, -concluíu o conselleiro-, “de compromisos concretos co distrito de Monforte, no que a mellora estrutural non se detén e se incorporan novos profesionais, e o compromiso xeral da Xunta de reforzar os hospitais comarcais”.

Actividade dos laboratorios

Pola súa parte, a directora do distrito sanitario de Monforte, María Inmaculada Ramos, dixo que esta remodelación dos laboratorios deste hospital proporciona diversas vantaxes, entre as que citou as melloras na seguridade e condicións ambientais de traballo para o persoal; a optimización dos procesos e fluxos de traballo; e, ademais, a incorporación de novas tecnoloxías, como é a xestión robotizada das mostras, proporcionando unha maior seguridade para os pacientes.

Tal e como remarcou a directora do distrito, estes laboratorios procesaron máis de 82.000 peticións analíticas para pacientes no pasado ano. Só o laboratorio clínico de bioquímica procesa unha media de preto de 300 peticións ao día, xestionando entre 400-500 mostras que resultan en máis de 6.000 determinacións analíticas diferentes cada día. A práctica totalidade dos resultados para peticións urxentes, -remarcou a directora do distrito-, obtéñense en menos dunha hora, sendo o tempo medio de resposta inferior a 30 minutos.