O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou nun encontro previo ao 1º Seminario de directores e editores de medios de comunicación social da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se celebra mañá en Matosinhos, o importante papel que desempeñan os medios en dar a coñecer o que acontece a ambos lados da raia.

En concreto, incidiu en que os medios de comunicación son unha peza fundamental para crear a imaxe da Eurorrexión a través dun sentimento e un espazo compartidos e de pertenza. Por iso, considera que este evento, que reúne ata mañá a 50 directores e editores dos principais medios de comunicación de Galicia e do Norte de Portugal, servirá para analizar precisamente a situación do sector na Eurorrexión e as cuestións que afectan aos medios que atenden a actualidade da zona entre Galicia e o Norte de Portugal, así como tentar atopar maneiras de colaborar.

Este primeiro seminario de directores e editores de medios de comunicación de Galicia e do Norte de Portugal arrancou esta noite na Casa da Arquitectura nun encontro no que, ademais do vicepresidente primeiro da Xunta participaron o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N) e tamén presidente da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, António Cunha; a alcaldesa de Matosinhos, Luísa Salgueiro; e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Na súa intervención, Diego Calvo, destacou que precisamente a cooperación transfronteiriza que se vén levando a cabo entre a Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento do Norte (CCDR-N) de maneira constante desde 1991 a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal contribúe a eliminar o efecto fronteira potenciando os vínculos e intercambios entre estes territorios. Esa colaboración afianzouse -engadiu- coa creación en 2010 da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Deste xeito, a cooperación de proximidade abarca distintos ámbitos como o educativo co programa IACOBUS ou o cultural co NORTEAR e preténdese estender agora aos medios de comunicación. Tamén explicou que existe unha colaboración co sector empresarial mediante as confederacións de empresarios, entre institucións, cos centros de investigacións e universidades e a nivel turístico na promoción do Camiño de Santiago.

O vicepresidente primeiro da Xunta sinalou tamén o traballo conxunto realizado no marco da Eurorrexión co obxectivo de captar fondos para o maior número posible de proxectos conxuntos financiados con fondos europeos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza Interreg España-Portugal (POCTEP).