
O Consello da Xunta aprobou, na súa reunión semanal, o decreto polo que se establece o procedemento para a acreditación de centros sanitarios e se crea e regula o funcionamento do Consello autonómico de acreditación de centros sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Coa norma, o Goberno galego establece un procedemento de avaliación técnica, independente e obxectiva para a acreditación dun centro sanitario en base a 43 indicadores dun total de 10 categorías. Así, valoraranse, entre outros, aspectos relativos aos dereitos dos pacientes, á calidade asistencial e a súa mellora continua, á asistencia ao paciente, á continuidade da atención, á seguridade do paciente así como á planificación, xestión e avaliación dos recursos humanos e a súa formación continua.
En función dos estándares establecidos e por un período de catro anos, cada centro poderá acadar a acreditación en grao básico, cando o cumprimento dos indicadores chega ata un 75 %, ou en grao superior, cando o centro supera esa porcentaxe. Desta forma, para que as persoas usuarias estean informadas, a Consellería de Sanidade facilitará o correspondente certificado de acreditación que os centros sanitarios deberán colocar nun lugar visible ao público.
Polo tanto, despois de ter dado audiencia ás principais entidades e asociacións correspondentes aos sectores afectados pola norma, amplíase o alcance da acreditación aos centros sanitarios xa que neste momento a regulación se limita a centros hospitalarios. Os centros sanitarios pertencentes ao Sistema Público Saúde de Galicia deberán ser acreditados. Pola súa banda, os centros sanitarios privados que opten por realizar un concerto de servizos sanitarios co Sergas deberán contar con dita acreditación. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto, entre outros, as oficinas de farmacia, consultas médicas e consultas doutros profesionais sanitarios, servizos de prevención de riscos laborais ou outros centros especializados.
Para elaborar propostas de acreditación de centros e propoñer os estándares e indicadores de calidade e as súas posibles revisións, créase ademais o Consello autonómico de acreditación de centros sanitarios presidido pola persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade. A composición do órgano, na que se procurará un número paritario de mulleres e homes, completarase con tres vogais inspectores ou subinspectores sanitarios, dous vogais pertencentes á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e a secretaría será asumida por unha persoa adscrita á unidade de Inspección de Servizos Sanitarios.
O decreto aprobado hoxe polo Consello da Xunta entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.







