Monumentos representativos e edificios de distintas cidades galegas iluminaranse en cor vermella, os días 13 e 14 de xuño, como xeito de conmemorar o Día Mundial do Doante de Sangue que cada ano celebra a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). 

Deste xeito, as cidades galegas súmanse á celebración dunha data na que se pon en valor o traballo e a colaboración brindada por todas e todos os doantes de sangue, e, tamén, por múltiples colectivos e entidades que, día a día, colaboran estreitamente con ADOS co obxectivo de crear unha conciencia social favorable ao xeneroso xesto da doazón.

Entrega de galardóns

O colofón da xornada de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, será a gala de entrega de recoñecementos que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, e que desenvolverase o mércores 14 de xuño, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e da directora de ADOS, Marisa López García, entre outras autoridades. 

Deste xeito, un ano máis, celebrarase unha nova edición da entrega de galardóns tanto a particulares, como a colectivos, que se teñen distinguido pola súa especial implicación no labor de sensibilización  social a prol da doazón de sangue. Ademais, esta xornada de conmemoración tamén permite celebrar o 30º aniversario da creación do Centro de Transfusión de Galicia, hoxe integrado en ADOS. 

Agradecemento aos concellos

ADOS agradece o constante compromiso e colaboración de todos os concellos galegos no traballo diario que desenvolve a Axencia e que permite achegar a doazón de sangue á cidadanía, mediante o desprazamento das unidades móbiles, ademais de favorecer a realización de iniciativas de sensibilización e promoción da doazón. 

Reflexo desta colaboración é a iluminación do 13 ao 14 de xuño das Torres Hejduk da Cidade da Cultura (Santiago), a Fonte de Catro Camiños (A Coruña) ou a Ponte Vella (Ourense), así como o Pazo de Raxoi (Santiago), o Teatro Jofre (Ferrol), a Casa do Concello (Pontevedra) ou as Fontes da rúa Aragón (Vigo), que permanecerán iluminadas en cor vermella, como xeito de simbolizar a importancia da contribución dos doantes de sangue no sostemento do noso sistema público de saúde e, sobre todo, pola súa contribución a que moitas persoas podan solucionar graves problemas de saúde.