
“A alta taxa de detección de cancro colorrectais en fases temperás de evolución indícanos que imos polo bo camiño”. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de inaguración da Xornada sobre Resultados e actualización deste programa, que tivo lugar hoxe a primeira hora da mañá, no salón de actos da Consellería de Sanidade.
Neste foro, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, quen estivo acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, remarcou que, dende o seu inicio no ano 2013, o programa enviou máis dun millón e medio de invitacións a participar no mesmo e entregáronse tests a máis de 700.000 persoas. Dende 2013 e ata finais do pasado ano, fixéronse colonoscopias a máis de 40.000 persoas. Delas, 16.783 tiñan unha lesión que requiría de vixilancia endoscópica e 1.970 un cancro invasivo (o 66% deles en estadios precoces).
Recentemente, acordouse enviar directamente aos domicilios os test de cribado. Esta decisión adoptouse tras realizar unha pilotaxe na área sanitaria da Coruña e Cee, que demostrou que o envío directo dos ‘kits’ optimiza os resultados de participación.
Tal e como incidiu o conselleiro, unha das prioridades da Consellería de Sanidade, é precisamente potenciar, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, os programas poboacionais de cribado existentes, tanto os de cancro (mama, colon e cérvix) como o neonatal (hipoacusia e metabolopatías).
Respecto das liñas de avance que está a poñer en marcha a Xunta neste eido, Comesaña destacou a incorporación das novas tecnoloxías, e un exemplo diso é a dixitalización da invitación nos programas de cribado de cancro, que se implementou a finais deste ano no cribado de cancro de cérvix.
Recoñecemento aos profesionais
O responsable da sanidade pública galega amosou, na súa intervención, o seu recoñecemento aos profesionais que traballan desde diferentes ámbitos no conxunto de procesos que conforman un programa poboacional de cribado, dende a fase de aplicación da proba de cribado, ata o diagnóstico, tratamento e seguimento dos casos positivos, “o que fai posible realizar a confirmación diagnóstica e o tratamento no menor tempo posible, aplicando as mellores tecnoloxías dispoñibles nesta fase e axudando aos pacientes a superar unha enfermidade grave”.
O Goberno galego segue a dar pasos que inciden no diagnóstico, prevención e tratamento desta enfermidade. Ao respecto, o conselleiro sinalou que, en outubro, a Xunta presentou a Estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña co Plan Europeo, e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección temperá deses cancros en grupos de risco.
Xunto ao anterior, o Executivo galego aprobou uns presupostos para o vindeiro ano que incrementan nun 70% a partida para cribados, principalmente para estender a toda Galicia o cribado de cancro de cérvix.







