
María Tajes Alonso, ata agora responsable do Servizo de Saúde Mental na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, asume desde hoxe a xefatura do Servizo de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, cargo que ocupaba transitoriamente a psiquiatra María Jesús Gómez.
Nada en A Coruña hai 43 anos, é licenciada en medicina e cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 2004, especialista en psiquiatría vía MIR, realizando o seu período formativo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e acadou tamén a especialidade en psiquiatria da infancia e adolescencia. Ademais, é experta universitaria en xestión sanitaria pola Universidade Menéndez Pelayo, e obtivo certificado de suficiencia investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, sendo tamén premiada como moza investigadora polo hospital compostelán en 2008.
Coordinadora do Plan de Saúde Mental de Galicia
A carreira profesional de María Tajes comezou vinculada á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, participando tanto do programa de referencia autonómico de trastorno de conduta alimentaria, como, posteriormente, da posta en marcha da primeira unidade de hospitalización infanto-xuvenil de psiquiatría de Galicia. Mantivo a súa actividade vinculada á saúde mental infanto-xuvenil como membro do equipo liderado pola Dra. Mari luz Couce na unidade de referencia para o diagnóstico de enfermidades metabólicas conxénitas.
No período 2016-2023 desenvolveu principalmente tarefas vinculadas á xestión sanitaria no ámbito da saúde mental como responsable do servizo de saúde mental na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas e coordinadora do plan de saúde mental de Galicia posCovid 19, que permite desenvolver programas de divulgacion da saúde mental, prevención de suicidio e de innovación socion sanitaria para a mellora da atención ás persoas con trastorno mental grave.
A nova xefa de servizo é membro numerario da Sociedade Española de Psiquiatría e Saúde Mental, representando a esta institución na plataforma de sociedades de saúde mental pola infancia. Participa actualmente de diversas comisións de seguimento para o desenvolvemento do Plan contra a trata e o Observatorio da Infancia da Xunta de Galicia, e do Plan de Acción 22-24 do Ministerio de Sanidade.
Outros proxectos relevantes nos que participou é no desenvolvemento do Plan de implementación de fármaco-xenómica en psiquiatría, que busca avanzar en tratamentos personalizados para trastorno mental grave da man da Fundación Galega de Medicina Xenómica, así como a implantación do programa YAM de prevención de suicidio en Galicia e o proxecto europeo MASTERMIND de telemedicina en saúde mental.
O servizo ourensán, referente pola súa capacidade docente
Na súa presentación, a nova xefa de servizo recoñeceu que “veño cargada de ilusión e responsabilidade para asumir este reto despois de oito anos centrada na xestión da saúde mental galega. Teño un proxecto de servizo no que traballaremos todos dun xeito cooperativo, na busca dos maiores criterios de calidade, organizando os circuítos asistenciais, humanizando os espazos e tendo como eixo principal a atención directa ao paciente”.A idea será a de potenciar eses “proxectos humanos” xa existentes como poden ser “Arte espida” que se desenvolve na actualidade no Hospital Psiquiátrico de Piñor, nado para instaurar unha dinámica humanizadora a través da actividade creativa dos pacientes usando a arte como elemento nuclear e dinamizador, ou as múltiples actividades levadas a cabo no hospital de día de psiquiatría cos paseos saudables, os hortos terapéuticos ou a musicoterapia.
O Servizo de Psiquiatría conta, ademais, cunha unidade docente multidisciplinar que é das máis antigas de España, xa que desde o inicio do sistema MIR está a formar a residentes de psiquiatría, posteriormente incorporáronse residentes de psicoloxía clínica e, desde hai unha década, foi unha realidade a incorporación de residentes de enfermería en saúde mental. Para a doutora Tajes “a formación será tamén un piar importante para dar continuidade á capacidade docente actual e conseguir aumentar o número de residentes formados co obxectivo de obter nun período de catro anos a cualificación de formación en psiquiatría infantil-xuvenil”.
Cómpre subliñar a capacidade innovadora dos profesionais do servizo, xa que foron pioneiros a nivel galego na posta en marcha dunha unidade de intervención e prevención de condutas suicidas. O servizo conta, na actualidade, cunha unidade de referencia para toda Galicia no tratamento do trastorno do espectro autista complexo. Ademais, foi o primeiro en aplicar programas innovadores de investigación en cognición social aplicada á esquizofrenia e o autismo.







