O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na apertura da Feira do Libro do Porriño, terceira parada do circuíto que este ano chegará a 14 localidades galegas froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades animou a participar durante os vindeiros días para “seguir apoiando aos libreiros e tamén aos creadores galegos”.

 

Neste sentido, salientou o papel “estratéxico” das feiras do libro que se enmarcan na folla de ruta da Xunta por acompañar aos profesionais deste sector que, desde hai unhas semanas contan cunha nova ferramenta ao seu alcance para “gañar e fidelizar lectores e apoiar á industria literaria”. Trátase do Plan de impulso ao libro galego que, recén aprobado polo Consello da Xunta con 3 M€, inclúe medidas consolidadas ás que se suman 11 novas iniciativas que permitirán adaptarse á transformación dixital, adecuarse ás novas realidades do consumo e crear e fidelizar lectores".

 

Calendario ata agosto

A Feira do Libro do Porriño sitúase no barrio de San Bieito con seis librerías. Ata o 14 de maio organizaranse distintas actividades entre as que destaca a presenza de 32 autores e ilustradores que asinarán as súas obras, unha decena de accións para o público infantil, sete presentacións de novidades, actuacións musicais e un recital poético.

 

A feira chega ao Porriño tras o seu paso por Santiago e Ferrol. O calendario continuará ata agosto de xeito que, tras esta, a vindeira cita será en Lugo (do 16 ao 20 de maio). Posteriormente haberá paradas en Vilalba (do 2 ao 4 de xuño), Ourense (do 7 ao 10 de xuño), Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo) e Rianxo (do 22 ao 25 de xullo). Xa en agosto o circuíto chegará á Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).