​O consultorio de Goián (Tomiño) vai reiniciar a súa actividade asistencial o próximo luns día 22. O dispositivo sanitario será atendido, de luns a venres, por unha médica e unha enfermeira especialista en atención familiar e comunitaria. 

O xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, achegouse hoxe ata o consultorio para supervisar as instalacións antes da súa reapertura. Nesta visita, tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O xerente explicoulles que neste centro sanitario porase en marcha unha pilotaxe que acollerá un novo concepto de consultorio, no que a saúde comunitaria cobrará unha especial relevancia. Así, ambas profesionais sanitarias traballarán de xeito coordinado na orientación comunitaria.

Polo tanto, o consultorio non só recuperará a actividade normal interrompida pola Covid senón que será un centro pioneiro en todo o territorio.

Intervención comunitaria

Este consultorio de Goián seleccionouse como centro piloto polas súas características poboacionais e xeográficas, así como polos recursos comunitarios á súa disposición.

A orientación comunitaria da Atención Primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención sanitaria centrada na enfermidade a outra focalizada nas persoas e no seu contexto social. Polo tanto, trátase de cambiar o modelo, co obxecto de prestar unha asistencia sanitaria proactiva centrada na educación sanitaria, na prevención da enfermidade e na promoción da saúde coa participación da cidadanía.  

Así, atención comunitaria orientase cara á detección e priorización das necesidades e problemas de saúde, identificando os recursos comunitarios dispoñibles, priorizando as intervencións e elaborando programas orientados a mellorar a saúde da comunidade, en coordinación con outros dispositivos sociais e  educativos.

De xeito proactivo a atención comunitaria busca adiantarse á enfermidade, de forma que a prevención e detección precoz permitan que as persoas tarden máis en converterse en pacientes. Para aqueles que xa son pacientes crónicos esta anticipación evita, na medida do posible, descompensacións das súas patoloxías de base.

Seguimento de pacientes crónicos e actividades grupais

Nesta liña, no consultorio de Goián a enfermeira especializada realizará un seguimento proactivo e continuado dos pacientes crónicos (con obesidade, hipertensión arterial, diabetes…) para manter as súas enfermidades baixo control. 

Ademais, desenvolverá actividades preventivas e de promoción da saúde grupais, a través de diferentes obradoiros e sesións informativas dirixidas á cidadanía, para informarlles de temas relacionados cos hábitos de vida saudables como a identificación das condutas adictivas (tabaco, alcol...), a importancia dunha dieta sá ou do exercicio físico.

En definitiva, estas actividades comunitarias realizadas nun determinado territorio coa participación da súa poboación, promoverán a mellora no estado de saúde da mesma, incrementarán a súa calidade de vida e o seu benestar. 

Apoio dos profesionais do servizo de Atención Primaria

O consultorio de Goián (Tomiño)  está integrado no servizo de Atención Primaria de Tui, polo que tamén contará co apoio do resto dos profesionais que integran ese servizo, como a matrona, nutricionista, odontólogo, traballora social e farmacéutico, que se  desprazarán a Goián para realizar actividades comunitarias. Tamén conta cun equipo ESAD, 2 enfermeiras que realizan labor asistencial nos domicilios dos pacientes con dificultades de mobilidade así como un importante labor a nivel comunitario con actividades formativas  para pacientes e os seus coidadores.

En conclusión, o obxectivo é que este novo modelo asistencial que se prestará en Goián sexa un éxito na atención á poboación, adaptándose o máximo posible ás características da mesma e ofrecendo unha atención próxima e de calidade.