
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama (PGDPCM) que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade realizou preto de 350.000 exploracións mamográficas na provincia de Lugo dende a súa posta en marcha, no ano 1992, ata finais de 2022, que permitiron detectar máis de 1.200 cancros de mama, a maioría deles en fases precoces, aumentando así a taxa de supervivencia e a calidade de vida das pacientes.
A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, visitou esta semana o centro de cribado de cancro de mama de Lugo, emprazado no Centro de Especialidades da Praza do Ferrol, e que dá cobertura ás pacientes do distrito sanitario centro da provincia, para coñecer de primeira man as instalacións e impresións do persoal que traballa alí.
Desde a súa posta en marcha, no ano 1992, e ata finais de 2022, o Programa de Detección Precoz de Cancro de Mama enviou un total de 432.251 invitacións a mulleres da provincia de Lugo, e realizáronse 349.120 exploracións mamográficas, o que implica unha participación global no mesmo do 80,8% da mulleres invitadas a acudir a realizarse unha mamografía, sendo un dos programas de cribado con maior adherencia entre a poboación diana.
A directora xeral de Saúde Pública salientou que, “como vén sendo habitual, nos últimos anos aínda se elevou máis esta participación e, de feito, no ano 2022 superou o 84% das mulleres convidadas a participar no mesmo”.
Entre o ano 1992 e o ano 2022, detectáronse a través do Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama un total de 1.222 casos de cancro de mama na provincia. É de destacar que, dos cancros detectados, case o 69% encontrábanse en estadio 0 ou I e o 68% deles non tiñan glanglios afectados no momento do diagnóstico, é dicir, tratábase de cancros diagnosticados en fases precoces da súa evolución.
Ademais, neste período, o programa derivou aos hospitais de referencia (Hospital Universitario Lucus Augusti, Hospital Público de Monforte e Hospital Público da Mariña) a 9.829 mulleres para a súa valoración clínica adicional, tras un resultado mamográfico con algunha sospeita de malignidade.
Ampliación do programa ata os 74 anos
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama é unha iniciativa plenamente implantada na comunidade autónoma galega e foi adaptando coa súa capacidade asistencial ás novas evidencias científicas que foron xurdindo, como a ampliación da súa cobertura ata os 74 anos de idade.
O cancro de mama segue a ser o tumor feminino máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro entre as mulleres na UE, polo que se dirixen importantes esforzos cara a súa prevención por medio de programas poboacionais de detección precoz.
A proba básica de cribado é a mamografía, que se realiza cunha periodicidade de dous anos. Se o resultado da mamografía é negativo, as mulleres reciben a información por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos.
Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, o Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama dispón de tres unidades de exploración fixas: unha na capital provincial (emprazada no Centro de Especialidades da Praza do Ferrol), con dedicación completa a este programa en xornada de mañá e tarde; outra no Hospital Público de Monforte e outra no Hospital Público da Mariña, coas que se abrangue a toda a poboación diana dos seus distritos sanitarios.
Posteriormente, nas Unidades de Avaliación Radiolóxica realízase a dobre lectura das mamografías de forma independente por varios radiólogos. Esta dobre lectura aumenta a capacidade do programa para detectar cancros en estadios temperás. Este feito, xunto coa estreita comunicación con patólogos, clínicos, epidemiólogos e coordinadores do programa logran os maiores niveis de calidade na actuación profesional.
Na maioría dos casos o resultado das mamografías confirma a ausencia de lesións sospeitosas. Pero no caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional, as mulleres son citadas para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento (unha en cada hospital da provincia), para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo. Estas unidades hospitalarias están formadas por especialistas de diferentes áreas (radioloxía, xinecoloxía, cirurxía, anatomía patolóxica, oncoloxía, radioterapia...).
Grazas ao Programa, a mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participaron nos cribados descendeu e mellorou a súa calidade de vida, polo que Carmen Durán animou ás mulleres galegas a seguir participando nas revisións periódicas que ofrece este “pois ter un diagnóstico precoz é vital, xa que a supervivencia está intimamente vencellada ao estadio diagnóstico do cancro”, concluíu.







