O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, interveu esta mañá no acto de inauguración das xornadas “Coido a miña diabetes”, o proxecto europeo que desenvolverá o Servizo Galego de Saúde, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública, co obxectivo de dotar aos pacientes con Diabetes Mellitus tipo 2 das ferramentas e habilidades necesarias para mellorar a súa calidade de vida.

Durante as xornadas de hoxe e mañá, un total de 17 pacientes galegos con diabetes participarán no programa de actividades do “Care 4 Diabetes”, considerado como unha “boa práctica en saúde” por parte da Comisión Europea, e cuxas sesións iniciais se desenvolverán no concello da Capela. Así, Galicia formará parte do consorcio español que participa neste proxecto europeo, xunto co Principado de Asturias, Cantabria, Extremadura, Andalucía e Aragón. 

O principal obxectivo deste proxecto, cuxa orixe está nos Países Baixos, é mellorar e fomentar tanto a saúde como a calidade de vida dos pacientes con diabetes mellitus tipo 2 (DM2), diminuíndo con elo os factores de risco da enfermidade.

Segundo apuntou o titular da carteira sanitaria da Xunta, “este proxecto aborda a diabetes dun xeito integral”, ao poñer o foco “nos catro piares básicos que inciden na enfermidade: nutrición, actividade física, descanso e relaxación, e o control da medicación relacionada coa diabetes”.

Deste xeito, un equipo multidisciplinar formado por persoal médico, de enfermería,  nutricionistas, terapeutas e expertos en actividade física desenvolverán diferentes actividades e sesións formativas co ánimo de impulsar condutas saudables entre os pacientes que participan no programa.

A duración do proxecto será dun ano. Así, entre os meses de xaneiro a xullo terá lugar unha fase intensiva, que inicia coa xuntanza formativa desta fin de semana e á que seguirán revisións pautadas cos profesionais sanitarios, e para a que disporán dunha plataforma en liña con contidos e actividades semanais. De seguido, no mes de agosto dará comenzo a segunda fase do proxecto, centrada no seguimento dos pacientes, e na que se reforzará o contido aprendido mediante as charlas, webinars, reunións, foros etc.

O seguimento clínico non presencial farase mediante a Plataforma de teleasistencia do Sergas (TELEA), a través da que se enviará a súa Historia clínica electrónica, as  biomedidas e tamén se cubrirán os cuestionarios de saúde.

TELEA e transferencia europea de “Boas prácticas en saúde”

O proxecto “Care 4 Diabetes” ten a súa orixe nos Países Baixos, baixo o nome “ReverseDiabetes2Now”, unha iniciativa que foi desenvolta pola ONG nérlandesa  Voeding Leeft, e que foi seleccionada como boa práctica pola Unión Europea (UE). 

Tras a súa selección, o proxecto pasa a chamarse Care4Diabetes, “Coido a miña diabetes” en Galicia, e será replicado por 12 países europeos (Bélxica, Bulgaria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Grecia, Hungría, Italia, Malta, Polonia e Portugal).

O programa inxírese dentro do marco da Comisión Europea para transferir e reproducir as mellores prácticas en materia de Saúde Pública entre os seus países membro. Neste senso, cómpre salientar que Galicia tamén exportará ao resto de Europa os seus avances e coñecemento sanitario, tras a selección da Plataforma de Teleasistencia Domiciliaria (TELEA), como modelo a exportar a outros países, dada a súa calidade para levar a cabo o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios.​