O Diario Oficial de Galicia (DOG)​ publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde  pola que se declaran con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

No día de hoxe a publicase a baremación dos 350 admitidos definitivamente no proceso, dos que 256 son mulleres (71%), e 8 participantes teñen domicilio fora de Galicia. Neste proceso convocáronse 42 prazas, das que 4 corresponden á quenda de discapacidade.

Os aspirantes poden consultar as puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) abríndose un prazo de dez (10) días hábiles, ata o 28 de xullo, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional.

Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Neste proceso os aspirantes conseguirán acceder a emprego fixo tras a valoración do seu currículum profesional sen realización de exame de oposición.

Xunto con este proceso, no Servizo Galego de Saúde estanse a desenvolver outro procedemento selectivo -por concurso de méritos- para dotar de persoal médico á atención primaria. Así, neste ano convocáronse 72 prazas de facultativo especialista de atención primaria, o que permite que entre o anos 2022 (con 106 prazas) e o 2023, se incorporen 178 médicos fixos nesta nova categoría. 

Por outra parte, está convocado concurso-oposición na categoría de médico de familia de atención primaria cunha oferta de 150 prazas.

Neste ano 2023, o número de prazas convocadas en categorías de médicos/as de atención primaria ascende a 264 prazas, 192 de médico/a de familia e 72 de facultativo/a especialista de atención primaria.

Os/as aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas ao seguinte enderezo electrónico: [email protected]. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Redución da taxa de temporalidade 

Este proceso excepcional mediante concurso de méritos, xunto cos procesos convocados mediante concurso oposición, e que se resolverán como máximo en dous anos, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar no ano 2024, unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022.