O servizo de Traumatoloxía da Área Sanitaria de Vigo xa realizou a primeira intervención con cirurxía robótica, equipo específico para cirurxía ortopédica emprazado no hospital Meixoeiro. A intervención consistiu no implante dunha próteses total de xeonllo a unha muller de Vigo, de 76 anos. A paciente evoluciona favorablemente.

Os cirurxiáns que realizaron a intervención foron os traumatólogos Antón López e Cristina Alonso. O cirurxián principal desta intervención, o Dr. López, amosou a súa satisfacción con esta primeira operación e explicou que “a vantaxe fundamental  da cirurxía robótica fronte a cirurxía convencional é un incremento da precisión no que facemos, de xeito que todo o que planificamos se executa practicamente á perfección. Isto, aos cirurxiáns nos aporta unha maior seguridade e, sobre todo, unha cuantificación real do que realizamos, algo que non sucede coas técnicas convencionais”.

No novo equipamento a Xunta de Galicia investiu case 2 millóns de euros, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia, como parte da resposta da UE á pandemia da Covid.

Maior exactitude e  precisión

O robot iniciou a sua andaina coas próteses de xeonllos, unha das intervencións máis frecuentes en traumatoloxía. A  artroplastia total de xeonllo é, hoxe en día, un dos procesos cirúrxicos de máis alta prevalenza en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, demostrando ser altamente efectivo á hora de mellorar a dor e a calidade de vida dos doentes con patoloxía dexenerativa ou inflamatoria desa articulación. De feito, os traumatólogos do Chuvi implantan anualmente 500 próteses de xeonllo . 

Tal e como comentaba o especialista, a utilización do sistema de cirurxía robótica para a substitución de xeonllo demostrou ser a máis vantaxosa para o paciente, comparada coas técnicas convencionais, dado que aporta unha maior exactitude e precisión á hora de planificar a posición e o tamaño do implante. Ademais, supoñen un menor sangrado durante a cirurxía; menos dor postoperatoria, tempo de recuperación e de estancia hospitalaria; así como unha diminución das complicacións.

Un dos aspectos máis difíciles da cirurxía de substitución de articulacións é colocar os compoñentes individuais da articulación artificial na mellor aliñación posible para que encaixen e funcionen sen problemas. Polo tanto, o obxectivo principal dos dispositivos robóticos é o de prover aos cirurxiáns dunha ferramenta específica para executar, de forma exacta, os cortes óseos de acordo cunha precisa planificación cirúrxica previa, conseguindo así restablecer a mecánica e función do xeonllo. 

Ademais, o robot conta cun brazo que asiste ao cirurxián na execución da intervención, proporcionándolle retroalimentación táctil, visual e auditiva.

Ferramenta de investigación

Outra das vantaxes deste equipamento robótico está relacionada coa Big Date xa que todos os datos de cada intervención -as medidas, os ángulos, a rotación, os cortes, etcétera- quedarán rexistrados, o que será de gran interese para a investigación e realización de estudos científicos que permitan seguir mellorando a colocación das próteses.

900 intervencións con Cirurxía robótica no Chuvi

A Xunta iniciou a súa aposta pola cirurxía robótica na Área Sanitaria de Vigo coa adquisición do Robot Da Vinci, que comezou a funcionar hai dous anos e que xa superou as 900 intervencións en eidos como a uroloxía, a xinecoloxía, a cirurxía xeral e dixestiva, a cirurxía torácica e a otorrinolaringoloxía.