O Sistema de citación en atención primaria XIDE (Xestión Integral da Demanda en Equipo), posto en marcha pola Consellería de Sanidade para mellorar a xestión das citas a demanda solicitadas pola poboación en atención primaria, “está a supoñer unha redución de preto do 60% da taxa de consultas médicas forzadas por cada 1.000 habitantes”, que son aquelas que, pola súa urxencia, deben engadirse de xeito obrigatorio á axenda dese mesmo día do facultativo do primeiro nivel asistencial, que xa prevé algúns ocos para elas. Así o remarcou na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, nunha pregunta dun dos grupos da Cámara, referida á implantación desta ferramenta tecnolóxica.

O XIDE “xa funciona no 93% dos centros de saúde da nosa comunidade”, e esta extensión beneficia xa ao 96% de toda a poboación galega. Neste momento, logo de cumprido un ano e medio da súa posta en marcha,  Sofía López dixo que xa se rexistraron e asignaron, a través do XIDE, máis de 2.750.000 citas.

Tal e como incidiu a directora, incorporar sistemas de xestión da demanda nos centros de saúde “é unha necesidade recollida en todos os documentos estratéxicos de planificación sanitaria dirixidos a mellorar o modelo organizativo e asistencial de atención primaria”.

Os obxectivos do XIDE son, por un lado, a redución nas axendas dos médicos das citas forzadas, e, por outro, potenciar ao resto de categorías de atención primaria.

Segundo dixo a representante de Sanidade, non existe unha obriga por parte da cidadanía en indicar o motivo de consulta para asignarlle unha cita ao usuario. Nestes casos, proporciónaselle unha cita ordinaria co seu médico de familia e rexístrase como ausencia de motivo de consulta.

Resultados

Os resultados están a ser moi positivos, e “os centros con esta ferramenta teñen máis repartidas as consultas a demanda entre todas as especialidades, liberando de carga aos médicos de familia”. Así, o 50% das citas diríxense ao médico (antes da entrada do XIDE esta porcentaxe era do 90%), e o outro 50% ao resto de categorías. 

Tal e como remarcou Sofía López, “o XIDE non é unha triaxe, posto que non establece prioridades de atención sanitaria logo dunha valoración clínica”. Trátase dun sistema organizativo que permite ordenar a demanda segundo o motivo de consulta expresado polo cidadán. 

Novas medidas vinculadas ao XIDE

Continuando coa potenciación das áreas administrativas dos centros de saúde e coa desburocratización das consultas, principalmente dos médicos de familia, petición realizada entre outros colectivos pola Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC), que respalda a extensión desta ferramenta tecnolóxica, Sofía López dixo que a Consellería de Sanidade xa ten preparadas, para a súa inminente implantación, unha serie de medidas vinculadas ao XIDE, que están relacionadas coa tramitación do transporte sanitario non urxente. Deste xeito, o persoal administrativo poderá consultar todas as prescricións de transporte sanitario non urxente dos pacientes; completar datos administrativos nas solicitudes iniciadas polos médicos de familia; e mecanizar unha nova prescrición a un paciente inmobilizado, con necesidades paliativas ou que posúa unha cadeira de rodas. “Todo sempre que o paciente xa teña unha prescrición previa rexistrada por un profesional sanitario nos últimos 12 meses”.

Sanidade é consciente, -dixo Sofía López-, de que se necesita ter unhas áreas administrativas ben dimensionadas e, así, “a media diaria de profesionais de xestión e servizos que traballan en primaria é de 1.553, o que supón un aumento de máis de 100 traballadores con respecto ao ano 2021”.

Para rematar a súa intervención, a representante de Sanidade agradeceu o traballo de todos os profesionais de atención primaria polo seu esforzo para acadar unha adecuada implantación do XIDE á organización do seu labor diario, especialmente a todo o persoal das unidades administrativas, xefes de servizo e coordinadores de enfermería dos centros de saúde do Sergas.​