
A Xunta está a finalizar a tramitación dun decreto regulador do Estatuto para o persoal investigador de centros públicos, que mellorará a súa calidade laboral. Deste xeito, os investigadores das fundacións de investigación sanitaria poderán acollerse aos beneficios deste novo Estatuto, unha vez completen o seu paso ao sector público. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no acto de entrega da insignia de ouro da Asociación de Médicos Galegos (Asomega) aos tres institutos de investigación sanitaria da nosa comunidade, que son o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.
Comesaña destacou tamén que, dentro da oferta de consolidación de prazas que a Xunta aprobou o pasado ano, incluíronse 34 prazas para persoal investigador e técnico de apoio do propio Sergas. A convocatoria do seu concurso de méritos xa foi publicada este mes de xaneiro e este ano verán consolidadas as súas prazas.
Xunto ao anterior, o Executivo galego remitiu ao Parlamento a lei de medidas fiscais e administrativas, que entrou en vigor este ano, e onde se incluíu a integración no sector público autonómico das tres fundacións de investigación sanitaria. “Estamos en pleno proceso de modificación dos seus estatutos para poder consumar esa conversión en fundacións do sector público”, -remarcou o conselleiro-.
Tal e como dixo o titular da carteira sanitaria, os tres institutos coordinan aos centros sanitarios do Sergas coas tres universidades galegas para o desenvolvemento de programas de investigación, formando parte deles miles de profesionais. Ademais, os tres institutos forman parte da Rede de centros acreditados polo Instituto de Saúde Carlos III, “atopándose Galicia entre as comunidades con maior número de institutos autorizados”. En toda España só existen 35 centros con este recoñecemento, debido a un proceso laborioso e moi esixente.
Liderados por tres mulleres
Segundo dixo Comesaña, os centros galegos, liderados por tres mulleres (Mariluz Couce, Mar Castellanos e Eva Poveda) “constitúen o lugar ideal para a captación e encaixan coa nosa aposta por visibilizar o talento feminino para avanzar cara unha igualdade real entre mulleres e homes”.
Na súa intervención no acto, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado por Asomega en áreas tan importantes para a saúde como o coñecemento científico, a investigación ou a innovación. Remarcou, así mesmo, que Asomega simboliza a excelencia clínica, a innovación e investigación de calidade, así como a atención multidisciplinar e o coidado centrado no paciente.







