O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, referiuse hoxe aos avances que a Lei de Normalización Lingüística de Galicia supuxeron para garantir que, 40 anos despois, “a lingua galega estea presente en todos os ámbitos”.
O titular de Cultura da Xunta fixo estas declaracións durante o acto de apertura da exposición A forza da palabra. Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983-2023) que organiza o Parlamento de Galicia co gallo do aniversario da posta en marcha desta lei.
“Fomos pioneiros na elaboración dunha folla de ruta transversal que tiña unha visión de futuro e que posibilitou que Galicia avanzara de xeito firme e continuado”, engadiu ao tempo que recordou as posibilidades de futuro que se abren agora en ámbitos como o tecnolóxico. “Nestes 40 anos apareceron novas realidades ás que o galego se tivo que adaptar e estamos preparados con iniciativas como o Proxecto Nós, que é xa unha realidade e co que estamos garantindo que o galego forme parte dos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo”, afirmou.







